A Asociación de Veciños do Araño quere recuperar e poñer en valor o patrimonio cultural e etnográfico dos muíños de auga, un elemento fundamental na sociedade rural galega ata os anos 70 do século pasado.
No Araño, en concreto na zona de Buía, temos a fortuna de contar con tres muíños de auga (de Quintáns, da Veiga e dos Lemos) completamente operativos e en bo estado de conservación, que ademais se atopan conectados por un sendeiro fluvial de gran beleza e de pouco máis dun kilómetro de lonxitude.
O vindeiro sábado 22 de outubro organízase unha “Muiñada”. O punto de encontro será na Capela de San Xoán da Ermida ás 16:30, para dirixirse ao río onde se fará unha visita didáctica aos tres muíños operativos. Alí poderase coñecer polo miúdo os seus compoñentes, as súas diferenzas e os mecanismos do seu funcionamento, así como a súa posta en marcha para a moenda do millo. A xornada estará amenizada polo grupo de música tradicional Río de Anxo. Ao largo de percorrido, haberá xogos tradicionais para os máis cativos da man da asociación Avoar.
A idea de fondo é que os avós e bisavós que viviron as muiñadas, poidan contar e transmitir o que alí acontecía: anécdotas, contos, xogos, festexos, etc. crear polo tanto un punto de encontro interxeracional para a conservación deste patrimonio tan noso.
Para rematar, na carballeira da contorna do muíño dos Lemos haberá unha pequena merenda ao son das gaitas para poñer o punto e final a esta Muiñada.
Scroll Up